Imprescindibles

Cabo Ortegal

Onde se funden as verdecentes augas do Cantábrico coas azuis cobalto do Atlántico, lugar onde se agochan as segundas rochas máis antigas do planeta, pódense albiscar paxaros ou perdernos polos sendeiros milenarios do macizo de Herbeira.

Cabo Ortegal, ademais é un faro, unha torre encravada preto da costa que na súa orixe, e mediante unha sinalización luminosa, tiñan a función de previr aos barcos e navegantes de que estaban preto da liña litoral, co fin de que pola noite non batesen contra os cantís e zonas abruptas, empregando a luz da lámpada como guía. Na actualidade, os faros xa non alumean cunha lámpada mas seguen tendo ese hálito de máxico que no Cabo Ortegal cobra outra dimensión.

Enlazar a zona indicada.

Namórate de Santo André de Teixido 

Non te resistas se non vas de vivo, irás de morto. Ortegal é un lugar imprescindible para calquera explorador de destinos, así que ármate coas túas mellores galas de camiñante e percorre algún dos camiños de peregrinación que levan a Santo André de Teixido. 

Estes camiños achegarante a esta pintoresca vila, presidida pola Capela de Santo André de Teixido, que soborda historia e lendas e farán reencontrarte coa espiritualidade. 

Non esquezas levar uns euros no peto pois non quererás marchar sen mercar uns “sanandresiños” (pequenos amuletos feitos de miga de pan que che protexerán de diferentes adversidades) e un ramallete de “herba de namorar” (que deberás meter no peto do abrigo do teu amor platónico para conseguir o amor eterno).

Enlazar a zona indicada.

Cantís de Loiba – O mellor banco do mundo

O miradoiro de Coitelo –máis coñecido como os cantís de Loiba- é posiblemente un dos lugares máis fermosos do litoral atlántico. Dende aquí, repousando nun banco sobre o cantil, poderemos capturar a bravura do mar e as impresionantes vistas ou a natureza en estado puro que circunda o lugar. 

A costa de Loiba non só son cantís ou rochas; é toxo, matogueira e solpores de infarto. Aquí o mar bateu con tanta forza que fixo furadiños na pedra, creando as coñecidas furnas que responden a pequenas covas escavadas, niños de segredos e refuxio do Atlántico. 

Enlazar a zona indicada.

O Barqueiro

É unha pequena vila emprazada ao norte da comarca, limita xa coa provincia de Lugo, no concello de Mañón. Recibe o seu nome dos antigos “barqueiros” que trasladaban persoas e transportaban mercancías dun lado ao outro da ría, ata a construción da ponte, no século XX.

Hoxe en día é unha vila mariñeira que conserva o encanto de antano, onde o tempo parece deterse e materializarse en cada recuncho de cada rúa, de cada pequena praciña, onde a xente da vila fai que tradicións mariñeiras se manteñan vivas.

No peirao, desfrutarás da vista dunhas das rías máis serenas de Galicia, fundiraste na actividade dos barcos e mariñeiros e gozarás dunha calma difícil de acadar noutro lugar.

Enlazar a zona indicada.

Estaca de Bares

Punto máis setentrional da Península Ibérica, lugar ao que conducen varias rutas migratorias procedentes do Atlántico, do Mediterráneo e do Ártico, o que nos permite ver múltiples exemplares mariños e terrestres, como alcatraces e cetáceos. 

Estaca de Bares localízase dentro do proxecto Xeoparque Cabo Ortegal, debido ás súas características xeolóxicas. Baixo os teus pes, rochas milenarias que nos falan da orixe da terra e te levarán a lugares máxicos e inesquecíbeis.

O espazo natural nesta zona posúe unha serie de características que xa foron postas en valor durante a II República e abrangue ate a costa de Loiba, en Ortigueira, con praias solitarias “grazas” ao seu difícil acceso. Dende este lugar, resultará obrigada a visita á vila mariñeira de Porto do Barqueiro. 

Enlazar a zona indicada.

Bares

O Porto de Bares, situado en Mañón, é xunto con O Barqueiro, un dos lugares máis fermosos da costa do Ortegal. Emprazado orgulloso sobre unha península vertebrada pola Serra da Faladoira adéntrase no Cantábrico ata acadar a punta de Estaca de Bares. A vila de Bares, balancéase entre a ría de Ortigueira e a do Barqueiro, mentres os seus tellados azuis de lousa inscríbense no interior dunha paisaxe correúda dunha costa abrupta e irregular.  As casas repousan no extremo norte dunha pequena enseada, cuxo borde areoso describe un hemiciclo case perfecto dende o espigón prerrománico de O Coido ata a punta de Almeiro, dando lugar á fermosa praia da Concha.

A actividade fundamental da vila segue sendo a extracción dos froitos do mar. Cada día os mariñeiros saen faenar dende épocas inmemoriais. Non obstante, sabemos que a sona chegou a este  porto no século XVI da man das súas celebradas capturas de baleas, executadas dende o monte do Cabo cunha destreza inigualábel.

Enlazar a zona indicada.

Proxecto de Xeoparque Cabo Ortegal

No Ortegal podemos estudar, percorrer e palpar as pegadas dos nosos antepasados e materializar, mediante rutas xeolóxicas, a orixe da formación da terra.

Así en puntos como a Serra da Faladoira, o Macizo de Herbeira e o do Limo, ou Os Aguillóns, terás a oportunidade de realizar unha viaxe ao interior da terra a través das rochas que conforman todo o territorio. Hai poucos lugares no mundo onde as formacións pétreas se amosan nun lugar distinto a onde se orixinaron e iso é o que fai deste territorio algo extraordinario.

A súa xénese iniciouse hai arredor de 490 millóns de anos, no denominado Cámbrico Superior, onde unha colisión orixinou a creación de Panxea, un único continente. Na actualidade, cando visitas estes lugares, tes ante ti composicións que se xeraron a 70 quilómetros de profundidade. Esta peculiaridade litolóxica vese representada por sobresaíntes afloramentos de ecloxitas e piroxenitas, convertendo dito conxunto litolóxico nun referente a nivel científico e divulgativo. 

Por este motivo, sete municipios da zona –entre eles Cariño, Cedeira, Cerdido e Ortigueira- asociáronse para presentar a súa candidatura de “xeoparque”, unha figura de protección recoñecida pola UNESCO e que pretende a posta en valor do patrimonio xeolóxico desta zona, tendo como obxectivo capital a defensa do patrimonio xeolóxico, a xeoconservación e o desenvolvemento local.

Descobre o xeoturismo: https://proxecto.xeoparquecaboortegal.gal/