VISITA ORTEGAL
2 DÍAS

Ortegal é o lugar perfecto para pasar unha fin de semana. O mellor destino para desconectar, relaxarse e practicar algunha actividade como surf, montar a cabalo ou facer unha ruta a pe, en kayak ou en barco.

Coñecerás un dos territorios máis salvaxes de todo o litoral atlántico e cantábrico. En tan só dous días poderás gozar de praias paradisíacas, santuarios máxicos ou vilas onde o tempo parece deterse, así como dunha gastronomía propia baseada en produtos locais e de tempada.

CARIÑO E ORTIGUEIRA

Se hai un nome peculiar para unha vila ese é o de Cariño, pobo mariñeiro situado a carón do Atlántico, que logrou manter a través dos anos os seus oficios e tradicións do mar. Visitar o seu casco histórico de rúas empinadas, casas de cores colgadas sobre os cantís, e a praia da Concha son unha visita obrigada. Non poderás abandonar Cariño sen achegarte ata Faro de Cabo Ortegal e Os Aguillóns, as cuartas pedras máis antigas do planeta segundo os xeólogos, así que pagará a pena deterte neste punto.

Ortigueira xorde coma un alento entre a Serra da Capelada e a da Faladoira. Destino fantástico para realizar algunha actividade ao ar libre coma unha ruta camiñando, ou practicar surf na praia de Morouzos. Despois de visitar o seu casco histórico e percorrer o peirao, e se aínda tes tempo, poderás achegarte ata o miradoiro de Castelo do Casón, a Fervenza Pozo do Inferno ou, noutra dirección, os Cantís de Loiba.

 

SANTO ANDRÉ DE TEIXIDO: vai de morto o que non foi de vivo

Santo André de Teixido é unha aldea mariñeira repousada a carón dos cantís máis altos da Europa continental (podes visitalos na Garita de Herbeira), transfigurándoa nunha terraza natural ao Océano Atlántico. Lugar sacro porque segundo reza a tradición ata este punto chegou Santo André nunha barca, bateu contra os cantís e mudou en rocha. Converténdose por este motivo nun dos lugares de peregrinación máis importantes de Galicia, xunto con Santiago de Compostela.

Encantarache percorrer as estreitas rúas de acceso á aldea e as casiñas dispostas de xeito dispar. Podes visitar a igrexa do século XVI e XVIII, beber dos tres canos da fonte e degustar percebes.

 

MAÑÓN E ESTACA DE BARES

Se só dispós dunha fin de semana ou unha xornada, terás que recalar no municipio de Mañón, último concello coruñés, que limita coa Mariña Lucense. Podes visitar a vila mariñeira e o porto de Bares, o dique de O Coido foi edificado  polos fenicios posiblemente no século II a. C. É único na península ibérica e relacionase coas primitivas rutas de navegación entre Galicia e Irlanda. Desde aquí, podes dirixirte ao cabo de Estaca de Bares, o seu miradoiro e o seu faro.

No ascenso ao miradoiro Semáforo de Bares podes observar a Illa Coelleira. O Semáforo está emprazado a máis de 200 metros sobre o nivel do mar. É un punto de observación marítima do século XIX e foi posto militar e base meteorolóxica e de comunicacións. De camiño ao Faro de Bares podes facer unha parada na estación ornitolóxica, para avistar gaivotas ananas, tridáctilas, araos ou alcas, dispoñendo este espazo natural da figura de protección LIC Estaca de Bares.

O faro de Bares foi construído en 1850 no punto máis septentrional da península ibérica, a súa posición estratéxica é tan relevante que, ata 1991, houbo unha base militar da Mariña Americana. Dende o faro de Bares, podes finalizar a ruta no pobo de O Barqueiro.

ESCAPADA A ORTEGAL
4 DÍAS

Se tes unha ponte á vista, podes escaparte a Ortegal e, ao longo de catro días, descubrirás algunhas das paisaxes máis singulares de todo o litoral das Rías Altas.

Terás a oportunidade de namorarte de vistas inesquecíbeis, praias infinitas para perderte ou fragas máxicas onde soñar. Embárcate nesta aventura e déixate sorprender por esta terra.

VILAS MARIÑEIRAS DE CEDEIRA E MAÑÓN

Se visitas a vila de Cedeira podes dar un paseo pola súa praia, o peirao e o seu casco histórico; ademais de gozar da súa fantástica gastronomía cuxo produto estrela é o percebe. Se inda tes tempo achégate ata o museo “Mares de Cedeira” e a Punta Sarridal, onde desfrutarás dunhas panorámicas marabillosas da ría, a baliza de Punta Sarridal, do Castelo da Concepción e do castro de Sarridal.

En Mañón existen dúas das vilas mariñeiras máis fermosas de todas as Rías Altas: Porto de Bares e o Barqueiro.

En Porto de Bares a vila está emprazada dentro dunha paisaxe conmovedora nunha costa abrupta e irregular, repousado no extremo dunha pequena enseada. O seu borde areoso vai dende o espigón prehistórico, O Coido, ata a punta de Almeiro, dando lugar á famosa praia da Concha de Bares. O dique do Coido foi edificado polos fenicios no século II a.C. É único na Península Ibérica e relaciónase coas primitivas rutas de navegación entre Galicia e Irlanda.

O Barqueiro recibe o nome dos antigos barqueiros que transportaban mercadorías dun ao outro lado da ría, unha das máis pequenas de toda Galicia, ata a construción da ponte en 1901. O seu peirao enmárcase na desembocadura do río Sor, cunhas característica inmellorábeis para a práctica dalgunha actividade acuática ou náutica. A vila caracterízase polas súas casas diminutas, con xanelas de cores, que están colocadas en rúas moi empinadas baixando cara o mar. Esta fisionomía foi recoñecida pola industria cinematográfica e series audiovisuais.

 

A FRAGA DOS CASÁS: bosque lendario

Esta fraga é, xunto coas fragas do Eume, a última representación de bosque atlántico. Situada xunto ao río Mera, no seu interior consérvanse gran cantidade de especies vexetais autóctonas coma os carballos, os castiñeiros ou os fentos reais. Xunto coa flora, a fauna: corzos, porcos bravos ou teixos, viven agochados no bosque. A fraga é o lugar perfecto onde evadirse da realidade e entrar en contacto coa natureza máis pura e autóctona que cada vez é máis difícil de atopar e que, por este mesmo motivo, non ten un acceso sinxelo.

 

RUTA DOS FAROS E MIRADOIROS

Ao longo de todo o litoral son numerosos os miradoiros que podemos visitar e darannos unha perspectiva distinta do lugar, xa que as panorámicas serán inmellorables. Dende Cedeira ata Mañón pola costa, e Cerdido no interior, destacan pola presenza destes puntos de visibilidade elevada. Miradoiros como o de Herbeira, Chao do Monte, o da Miranda, Estaca ou o de Coto da Forca, farán da túa visita un recordo inesquecíbel.

Os faros son outro dos elementos que salpican o noso litoral. Construídos para guiar aos mariñeiros e barcos, hoxe en día a maioría deles, aínda que en funcionamento, convertéronse en construcións para ser admiradas. Non podes abandonar a comarca sen facer un percorrido por todos eles

VACACIÓNS EN ORTEGAL
7
 DÍAS

Se dispós de tempo para coñecer Ortegal, esta terra ofrecerache praias infinitas, bosques máxicos, gastronomía única e lugares onde perderte.

Coñece a través desta proposta de sete días os cinco municipios que conforman a comarca e descobre a riqueza natural, cultural e patrimonial dun territorio único. O máis habitual é comezar a viaxe dende a vila de Cedeira e rematar en Cerdido, facendo o percorrido de xeito circular, pero pódese facer no sentido contrario.

En Cedeira poderás visitar o casco histórico, percorrer o peirao, coñecer o museo Mares de Cedeira, e camiñar ata punta Sarridal para visitar o castelo da Concepción e a baliza e castro de Sarridal. Volverás á vila para degustar, en calquera dos restaurantes, o mellor marisco e peixe da zona, ou para localizar a praia de Areas Negras, non volcánicas, sendo unha gran xoia xeolóxica (esta praia ten un acceso de gran dificultade, sendo aconsellable acompañarse de guías locais).

Dende Cedeira poderás viaxar ata Cariño, outra vila de fortes raíces mariñeiras, onde será indispensábel a visita do casco histórico, o porto, Cabo Ortegal, Os Aguillóns e a praia de Fornos. Recomendámosche continuar a ruta cara Ortigueira, visitando o porto de Espasante, o castro marítimo Punta dos Prados, os areais e o miradoiro da “Garita da Vela.” Mais ao norte poderás visitar Mañon, para coñecer o Porto de Bares e O Barqueiro. O punto e final poñerao a visita á Fraga dos Casás, no concello de Cerdido.

 

CANTÍS DE LOIBA: o mellor banco do mundo

Na costa de Ortigueira, aos pés do Atlántico sobre os cantís de Loiba sitúase este particular banco que nos permitirá contemplar dende o repouso a inmensidade do océano. Cos Aguillóns e o cabo Ortegal, ao fondo, convérteno nun dos sitios máis fermosos de toda a costa norte.

 

RIBEIRAS DO SOR

Situado no concello de Mañón, esta pequena vila é un remanso de paz á beira do río que leva no seu nome. Aconsellamos facer unha parada e percorrer o curso natural de auga, que nos levará a descubrir pequenas construcións espalladas pola beira: os muíños.

 

CABO DE ESTACA DE BARES: o punto máis septentrional

Sen saír do municipio de Mañón, podes facer unha parada no Cabo de Estaca de Bares, o máis septentrional da península ibérica, sendo recorrente o lema de estarmos “ao norte do norte”.

Entre as rías de Ortigueira e O Barqueiro, este espazo constitúe un observatorio natural de aves migratorias e de diversas especies como as pardelas.

 

CANTÍS DE HERBEIRA: miradoiro ao Atlántico.

En plena Serra da Capelada, entre Cedeira e Cariño, encóntrase este recuncho illado de todo, no medio dunha contorna agreste e salvaxe. A garita de Herbeira, é unha antiga construción en pedra e de planta cadrada, do século XVIII, situada no bordo dun dos cantís máis elevados da Europa Continental, con 613 metros de altura sobre o nivel do mar.