Máis de Ortegal

Patrimonio cultural

Ortegal caracterízase non só polo seu patrimonio natural, tamén hai cabida para o patrimonio histórico cultural, etnográfico, ou relixioso; un compendio da nosa historia resumido en castros, mámoas, museos e igrexas. Cada un coas súas particularidades que fan deles algo especial e único, axudándonos a entender a historia da comarca: oficios desaparecidos e outros que aínda seguen en vixencia, como se vivía nunha casa de labranza, ou como se moía o gran, como se sobrevivía ao inverno ou como os primeiros poboadores chegaron ata este territorio hai miles de anos.

A continuación citamos algúns dos edificios que, coa súa visita, axudaranche a comprender mellor un pasado non tan afastado de nós e como se desenvolveu a nosa historia.

No Castelo da Concepción e o Museo Mares en Cedeira, entenderemos a vida nun castelo e a tradición que une a este concello co mar, a través do oficio dos mariñeiros ou vendo unha das maiores coleccións de cunchas da zona. No Museo Etnográfico de Meixido, o Muíño das Mareas de Senra (Ortigueira), entenderemos o funcionamento dos muíños e as moendas, e o importante que estas construcións eran para o desenvolvemento da vida cotiá dos galegos.

En canto ao patrimonio relixioso, en Ortigueira, podes visitar o antigo complexo conventual dos Dominicos, construído no século XVI e expropiado en 1835. Na actualidade está ocupado por dependencias do concello. O Santuario de Portas, situado na Serra da Panda, tamén no concello de Ortigueira, está rodeado dunha grande simboloxía, lendas e tradicións; a máis coñecida é a que di que se bebes auga da fonte próxima ao santuario, as túas penas e males desaparecerán. 

Santa María de Régoa (barroco rural do XVI ao XVIII), Santo André de Teixido (gótico – barroco do XVI ao XVIII), Santa María do Mar ou Santo Antonio de Corveiro, en Cedeira. A de Teixido e de Corveiro están asentadas sobre os cantís do litoral ártabro, constituíndo un miradoiro natural cara o Atlántico. 

San Bartolomeu, en Cariño, rematada no 1923 e de estilo neogótico, presenta unha particularidade: no campanario está a campá do antigo vapor Miramar, unha embarcación con base en Mallorca que embarrancou a principios do século XX nos cantís de Cabo Ortegal.

Ademais, rastrexaremos o noso pasado a través de restos arqueolóxicos, algúns deles escavados, polo que se poden visitar. Tales son o Castro de Sarridal en Cedeira, que conserva unha das escasas saunas castrexas da península; o Castelo do Casón, o Castro de Punta dos Prados ou as mámoas no camiño dos Arrieiros, en Ortigueira.

Mercados e lonxas locais

Os mercados e lonxas son aqueles puntos de unión e reunión de produtores locais, de venta ao por menor, de encontros con produtos de tempada, rebumbio de cores e de xentes que ateigan as vilas. 

Ortegal, non ía ser menos, e conserva a tradición do mercado, das compras locais e da compra de peixe fresco na lonxa, que dependendo do tamaño da vila será maior ou menor. 

Pérdete por entre a xente, respira  natureza, merca os froitos da terra e do mar, vive o bulicio da xente, déixate sorprender por unha tradición antiga e anímate a facer as túas compras no mercado. 

O tecido produtivo do Ortegal ampliouse e modernizouse, coma coa recolección de algas; pero tamén soubo manter as tradicións, como a actividade conserveira. Ambas características reflíctense en Mar de Ardora e Conservas La Pureza,  dúas empresas de carácter territorial e pequenas que souberon adaptarse aos novos tempos, ou ben abrindo novos mercados, manufacturando algas, e transformándoas en produtos con certificación ecolóxica ou ben mantendo o enlatado das conservas. Ambas mesturan novedade, constancia e adaptación aos novos tempos.

Festas gastronómicas e populares

Na vila de Cedeira, ademais das numerosas festas locais e dos eventos de exaltación dos seus produtos do mar, como a pescada ou o percebe, destaca nesta vila a celebración de “A Xira”, bulicioso encontro no monte de San Antonio do Corveiro, que ten lugar a mediados de agosto.

No Porto de Espasante, Ortigueira, destaca a festa da canción de tasca e do marisco, una evento folclórico e gastronómico de varios días de duración ao inicio do mes de agosto. Tamén en Espasante, no mes de abril, pode gozarse do polbo da ría, nun encontro musical dirixido a un público familiar.

O municipio de Mañón, reserva para decembro o seu evento por excelencia, a homenaxe ás xentes do mar, na festa do marisco, que ten lugar na semana coincidente coa ponte da Constitución.

Eventos

A nova era da música celta (Festival Internacional do Mundo Celta)

Dende 1978, cada verán, vense celebrando na vila de Ortigueira un dos festivais de música folk de sona mundial. Froito do esforzo da Escola de Gaitas Municipal iniciouse un festival de carácter artesán que hoxe en día xa nada ten daquel pequeno remuíño de xentes en torno ao son da gaita. Declarado Festa de Interese Internacional, nos últimos anos ven sendo o escenario de presentación dos derradeiros traballos de bandas de renome. 

Milleiros de folkies chegan ata aquí, ano tras ano, a este festival e ao paraíso terreal no piñeiral da praia de Morouzos, onde se instalan milleiros de tendas que se arremuíñan entre as árbores, ao acubillo do frío da noite que roxe a mar e a gaita.

Vilas mariñeiras

Ortigueira

Situado en plena comarca do Ortegal é un dos concellos máis grandes dende o punto de vista territorial, enmarcado xeograficamente entre a Serra da Capelada e A Faladoira, a súa ría é ampla e na súa entrada ensortéllase en curvas, a medida que nos adentramos en terra.

Ortigueira cheira a mar, a peirao, a mariñeiro, aos ventos do norte, todo un compendio de sentimentos que remexerán dentro de ti cando chegues a estas terras.

Un territorio de fortes raíces celtas, de música folk que, verán tras verán, toman a vila. Centos de folkies achéganse para desfrutar de días repletos de música tradicional, de concertos o ar libre, de gastronomía e noites interminábeis á luz da lúa nos areais de Morouzos.

Enlazar a zona indicada.

Cariño

Vila situada ao norte da comarca de Ortegal, caracterízase polas súas rúas empinadas e casiñas de cores, dispostas nun casco histórico que atopa o seu fin nas escarpadas e agrestes rochas dos seus cantís. Disposición que veu dada pola escasa dispoñibilidade de terras e a proximidade ao peirao e á praia da Concha. É recomendábel perderse polas rúas estreitas, polas súas praciñas irregulares e coñecer recunchos sorprendentes a cada paso.

De visita obrigada é o seu peirao, noutrora cheo de bulicio e actividade, hoxe menos activo, aínda conserva o seu encanto, reflectido na existencia de antigos oficios, como o marisqueo ou a actividade incesante de mulleres aguerridas que día tras día, refán os aparellos que logo empregarán os mariñeiros no seu labor cotiá.

Porén Cariño, non só e pesca, é arquitectura, é historia, que podemos palpar en antigas construcións que nos dan a benvida ao chegar á vila e que son o recordo dunhas actividades hoxe en desuso: a industria da salgadura e as conserveiras. Algunhas destas antigas fábricas aínda manteñen o seu escudo na fachada, e outras como conservas “La Pureza”, inda seguen en funcionamento. Este percorrido “peixeiro” terá como colofón final a visita á lonxa da vila, de pequeno tamaño e aberta ao público, na que se realiza a poxa do percebe, produto típico e representativo da zona.

Enlazar a zona indicada.

Cedeira

Pobo mariñeiro no que a luz permanece intensa na boca da ría, cando camiñamos cara o porto. As vivendas de galerías brancas van anunciando esta luminosidade no noso paso polo casco vello cara a zona pesqueira. As xentes do mar teñen unha gran presenza na identidade e fisionomía deste pobo, xentes que son responsables na conservación da diversidade biolóxica e o ecosistema. Así, a ría pola que paseamos ao saír da vila, foi declarada en 2009 Reserva Mariña de Interese Pesqueiro, o que garante unha pesca sostíbel na zona. Visita obrigada é a do Museo Mares de Cedeira no que che amosarán as artes de pesca, tipos de farois, boias e fondeos, ou maquetas das fábricas de salgadura, da flota cedeiresa e embarcacións tradicionais reais e recuperadas para o Museo, como a Dorna.

Enlazar a zona indicada.